O Concello de Santiago, no marco do contrato que executa Ferrovial-Endesa X, conclúe a renovación da iluminación da cidade, tras a instalación de 25.000 luminarias LED novas no termo municipal.
Ao longo do último exercicio o Concello de Santiago de Compostela renovou a iluminación pública das zonas urbanas e rurais da cidade a través do contrato de servizos enerxéticos de iluminación pública executado por Ferrovial e Endesa X. En total, renováronse 25.000 luminarias LED, máis eficientes e sostibles que as anteriores de vapor de sodio, supoñendo un aforro enerxético de case un 70%.
O contrato inclúe tamén a renovación dos cadros de mando e establece que a subministración enerxética será 100% procedente de enerxías renovables, polo que a través deste proxecto o Concello de Santiago súmase ás cidades cunha iluminación pública tecnolóxica, eficiente e medioambientalmente sostible. A nova instalación de iluminación pública aumenta a seguridade eléctrica, reduce a contaminación lumínica e mellora a calidade da iluminación.
Melloras na xestión de avarías
O contrato adxudicado á UTE formada por Ferrovial e Endesa X ten unha duración de 10 anos, polo que tamén inclúe os servizos de mantemento e subministro de enerxía, co que se melloran os tempos de resposta ante posibles avarías. A veciñanza conta cun teléfono (900102301) e unha App (Liña Verde) para comunicar calquera incidencia. Os avisos intégranse nunha plataforma de telexestión punto a punto, que detecta as avarías de forma automática e permiten a súa reparación nun curto período de tempo.

