O Concello de Santiago ofreceu xunto a Ferrovial-Endesa X e a Asociación Slowlight un paseo nocturno para amosar a nova iluminación da cidade máis eficiente e sostible, tras a instalación de 25.000 luminarias LED novas no termo municipal.
Os paseos nocturnos Slowlight, dirixidos asemade a concienciar á cidadanía sobre o uso responsable da luz artificial, realizáronse en grupos de 40 persoas, que percorreron as rúas e prazas do casco histórico para descubrir os detalles da paisaxe nocturna da cidade e coñecer de primeira man os cambios nas luminarias e as novas instalacións. A actividade estivo guiada por un experto en iluminación de Slowlight e outro de Ferrovial, que puxeron o foco sobre diferentes aspectos técnicos e emocionais da paisaxe nocturna, promovendo tamén o diálogo cas persoas asistentes.
O percorrido polo casco histórico estivo centrado, asemade, na renovación da instalación desta área, na que, segundo explican dende Ferrovial, empresa a cargo da instalación, primou a singularidade da zona monumental, garantindo o respecto do Patrimonio e a súa correcta iluminación.

