No marco do contrato de renovación da iluminación, o Concello de Santiago vén de instalar no parque de Belvís balizas elaboradas con materiais reciclados e de proximidade (KM0). Trátase do modelo de baliza Eume, desenvolvida polo provedor galego Televés, que combina tecnoloxía eficiente, deseño coidado e respecto polo medio ambiente. Esta actuación forma parte do compromiso de Ferrovial e Endesa X en colaboración co Concello de Santiago de Compostela por avanzar cara a un modelo de iluminación pública máis responsable, eficiente e coherente coa contorna natural e patrimonial da cidade.
Unha baliza pensada para integrarse
As balizas instaladas no parque de Belvís están deseñadas para ofrecer unha iluminación suave e non intrusiva, ideal para acompañar os percorridos peonís e zonas de descanso sen romper o ambiente tranquilo do parque nin provocar contaminación luminosa.
O seu deseño discreto e natural encaixa perfectamente na paisaxe, respectando o carácter verde e orgánico do espazo. A tecnoloxía LED que incorporan garante unha iluminación eficiente, cun consumo reducido e unha longa vida útil, minimizando así o impacto ambiental e os custos de mantemento.
Compromiso coa proximidade e coa innovación
A aposta por produtos de fabricación galega non só ten un impacto ambiental positivo, senón tamén social e económico. Empresas como Televés, con sede en Santiago de Compostela, destacan pola súa capacidade de combinar tecnoloxía avanzada con deseños respectuosos coa contorna.
A baliza Eume representa perfectamente esta filosofía, por ser un produto que une innovación, eficiencia e identidade local. A súa estrutura combina a madeira natural co aceiro inoxidable, garantindo durabilidade e robustez mesmo en condicións exteriores adversas.
Ademais, estas balizas permiten personalizacións mediante gravado láser, o que facilita a incorporación de símbolos ou imaxes institucionais, como neste caso a imaxe do Concello de Santiago de Compostela, presente nas novas instalacións de Belvís.
Materiais de orixe galega e sostible
Un dos aspectos máis destacables destas balizas é o seu uso de madeira termotratada Thermopine de Finsa, unha madeira 100% respectuosa co medio ambiente por ser sometida a un proceso térmico no que non se empregan produtos químicos, pero que mellora as súas propiedades naturais.
Grazas a este tratamento, a madeira adquire maior estabilidade e resistencia fronte á humidade, os fungos e os insectos, mantendo ao mesmo tempo unha textura e cor cálidas que favorecen a integración ca contorna. Ademais, é 100 % reciclable, o que contribúe a reducir a pegada de carbono e fomentar a economía circular.
O proxecto do parque de Belvís exemplifica unha nova forma de entender a iluminación pública centrada nas persoas, na eficiencia enerxética e na protección do ceo nocturno. Por iso, esta nova instalación contribúe a crear un ambiente acolledor e seguro, sen exceso de brillo nin contaminación luminosa, respectando o descanso dos veciños e a biodiversidade do entorno.

