Skip links
Redución da contaminación luminosa na contorna do Observatorio Ramón María Aller

Redución da contaminación luminosa na contorna do Observatorio Ramón María Aller

No marco do contrato municipal de alumeado público exterior promovido polo Concello de Santiago de Compostela e executado pola UTE formada por Ferrovial e Endesa X, desenvólvense diversas actuacións orientadas á eficiencia enerxética e á redución do impacto lumínico na contorna urbana. Neste contexto, e co fin de reducir ao máximo, e mesmo eliminar, a contaminación luminosa nas zonas próximas ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OMAR), proxectouse unha intervención específica no Campus Sur.

O obxectivo principal é evitar a presenza de luz intrusa nos xardíns que rodean o Observatorio, onde con frecuencia se realizan actividades con telescopios portátiles, así como impedir a iluminación directa sobre o edificio do propio centro. Estas actuacións buscan compatibilizar as necesidades de observación astronómica cun alumeado público seguro e eficiente, garantindo niveis adecuados de visibilidade tanto para peóns como para vehículos.

Sistemas de paralumen en zonas estratéxicas

Por outra banda, na avenida de Lugo prevese a substitución de oito columnas de alumeado por outras de menor altura, empregando luminarias de polímero, un material illante que mellora a seguridade das persoas. Ademais, instalaranse ópticas máis direccionais e incorporarase un sistema de paralumen que limitará a dispersión da luz cara ao ceo e ás zonas sensibles da contorna. Do mesmo xeito, na esquina da avenida de Vigo coa avenida Novoa Santos realizarase a substitución dunha columna e da luminaria existente, utilizando o mesmo modelo que na avenida de Lugo, con óptica direccional e paralumen.

A modo de proba piloto, xa se executou a actuación correspondente á avenida de Vigo, mentres que o resto se completará ao longo do mes de novembro.