O Concello de Santiago traballa intensamente na eliminación de puntos escuros na cidade. No marco do contrato de alumeado público exterior que o executivo local desenvolve a través da UTE de Ferrovial-Endesa X, continúase executando a mellora da iluminación na cidade. Un estudo continuo e exhaustivo das peticións e achegas da cidadanía permiten identificar zonas con iluminación insuficiente ou espazos que requiren unha intervención específica. Todas estas propostas analízanse de xeito individual e posteriormente desenvólvense aquelas que, unha vez validadas polo Concello, se consideran adecuadas para mellorar a visibilidade e a seguridade no espazo público.
Esta semana instalouse un novo punto de luz no canil situado na contorna da rúa Irmandiños, unha actuación orientada a mellorar a súa iluminación e facer máis cómodo e seguro o uso deste espazo por parte da veciñanza. Trátase dunha intervención sinxela pero importante, que responde directamente ás necesidades detectadas no día a día e que contribúe ao obxectivo global de avanzar cara a unha cidade mellor iluminada, máis segura e máis accesible.
Estas accións forman parte dun compromiso continuo por optimizar a iluminación pública de Santiago, sempre buscando un equilibrio entre eficiencia, sustentabilidade e calidade do servizo, e contando co papel fundamental da participación veciñal para identificar prioridades reais no territorio.

